A vida dache sorpresas ( as veces boas)

8 Abril 2011

Unha xornalista à que admiro moito dixo que en tantas ocasións cando un pensa que está a fracasar, en realidade protagoniza unha sonora victoria. Algo así lle aconteceu a alguén que coñezo.  Pensaba que estaba apaixonada por un home bó ainda que un pouco gris e andaba ilusionada coa súa nova adquisición.

Un home culto, xeneroso, con formación, con diñeiro. Un melro branco, que diría a miña nai.  O xenro con que todas as sogras soñan.

Eu, particularmente, non gostaba nada dele. Sen saber moi ben porqué. Por intuición,  iso que algunha vez alguén definíu como a intelixencia demasiado veloz.

O amor lles durou pouco…Digamos que a miña amiga é emocional, paixonal, entregada. Penso que o señor estaba un pouco amedrentado polo seu carácter e, pésia ao temor de que ela ficara un pouco triste, pensei que algo que acaba de comenzar non a podía deixar tan afectada.

Efectivamente,  entrou nunha onda frivolona e comenzou a marcar citas con outros homes. Para cear, tomar viños, ter sexo…Non quero saber nada de amores. Non quero complicacións.

Perfecto, pensaba para mín, non se magoará. Pero a vida ten estas cousas e o amor tamén

As veces, os sentimentos aparecen cando non se procuran e esta muller, agora sí, quedou prendada dun home bó, vital, forte, enérxico, bo rapaz, que pode non ser a priori o mellor xenro para calquera sogra pero é perfecto para ela que xa considera un privilexio ser amada por  alguén así.

Como non tivo moita sorte ao longo da súa vida amorosa, cruza os dedos das mans e dos pés para que non se torza. Eu tamén. Gosto moito deste señor. Por todo.

Cheira a primaveira

24 Febreiro 2011

O meu can máis eu gostamos de ollar para o mundo sen que o mundo se decate da nosa presencia. Así, onte a noite, por exemplo, tivemos a sólida sospeita da chegada da primaveira.  Non se trata só da presencia de flores nas arbres,ou do ruidoso piar do cortello dalgúns paxaros cara as fémias.

Percibimos tamén no noso entorno un incipiente malestar que só a estación máis explosiva do ano provoca. Aféctanos a todos, tamén a nós. O can está máis hiperactivo que nunca. Eu tamén.

Dormimos pouco e mal, castigáronnos poñéndonos a pensar e a nostalxia nos invade de cando en vez.  Somos seres un pouco perdidos, un pouco invadidos, un pouco loucos.  A primaveira chegou e non sabemos como virá. Se guerreira e rompedora ou calma e triste.  Se traera chuva, presentes, bicos ou un frío que xelará o noso corazón para sempre.

Estamos expectantes, definindo o noso perfil e agardando como vai afectar ao noso entorno que anda moi revolucionado últimamente. Caras tristes, neuroses, depresións, crise…Que mal crece moita xente! Pero dada a súa evolución, Qué agardaban? Cando a cabeza non ten xuizo é o corpo que paga, dicía un artista portugués e a boa fé, que acontece.

Estamos preparados para todo. Para as sorpresas agradabeis ou as nosas loterias vitais, estas cousas que nos pasan tan habitualmente, e que nos fan fortes, sólidos, apegados ao chan como rochas, loitadores, sobre todo moi loitadores.

Xa se sabe que imos pelexar por  manter o noso sorriso, queira veñan chuvas intensas ou raios de sol.  Adoramos à xente que loita por manter a súa alegría.  E o meu can continuará hiperactivo e mimoso, iso tamén. 

 Eu continuarei a activa-la miña manivela mental que me axuda a abstraerme de mín mesma e os meus problemas, matinando nas peculiaridades do meu entorno, do mundo no que me tocou viver ou observando sen que a miña presencia se vexa aos personaxes máis variopintos do meu bairro. E pensando e agardando que virán mellores tempos pero preparada sempre e tamén para os peores.

música da que gosto bailar

17 Febreiro 2011

strokes, you only lives once

Emocionais contra racionais

11 Febreiro 2011

Díxenvos xa que tiña  un namorado? Se él le isto,  é moi probabel co faga, dirá: namorado eu? Flipas, nena!

Qué se pode facer cos homes de hoxe en día? O que non está ferido de morte tras unha relación traumática non quere saber nada de compromiso. Hainos que coleccionan amantes ata que descobren que teñen unha boa colección de buratos emocionais, porque todo ten un tempo e un lugar, e todo acaba por fartar.

Eu nunca tiven moito tino cos homes. Son unha coleccionista de cans verdes, bizarros, extraños, exquisitos que dirían os portugueses. E sí, sempre foran así ata que coñecín ao último, un especimen nada vulgar, pero de can verde non ten nada. 

É adorabel, trátame ben, está pendente de mín, non exerce ningún tipo de maltrato psíquico ou físico, adora certas cousas que eu tamén adoro…E entón?

Que problema tes? Gostas da queixa fácil? Non, non é iso…O novo homen da miña vida, o do último trimestre do 2010 – primeiro do 2.011 está a procura dunha relación igualitaria e improbabel porque, eu xa llo dixen, igualdade absoluta emocional é  imposible tela. Como dí o meu amigo Carlos o que sempre hai son relacións igualmente desiguais.

Realmente a este home racional e pensativo o que lle gusta moito e activa-la súa manivela mental e darlle ben a bola, ora com isto ora com o outro. Desacompléxame pero tamén, síntoo, é así, vólveme tola . Xa o vexo o home máis guapo do mundo, e aínda que non lle falte atractivo, que o ten é moito aínda que él non o explote, guapo, o que se dí guapo non é…

Ay o amor en tempos de crise! En tempos finiseculares e modernos! En tempos de desacreditamento total no mundo emocional! Difícil é ser unha muller de corazonadas coma min! Será un karma pero son estes homes racionais os que conseguen interesarme como uma parva…Admítoo, se fose un emotivo que estivese todo o dia a declararme o seu amor, probabelmente me tería  máis que farta e acabaría por fuxirlle.

Suspiro unha e outra vez sen conseguer arrincarmo da cabeza e sabendo que, en canto lea isto, o seu medo puro converterase en pánico e ate pode ser que o perda para sempre. Agardo que non, que teña a suficiente cordura para imaxinar que tras dos seus ollares pampos tamén hai un grado de amor, desigual, posiblemente, pero amor definitivamente.

Un curso de maldade

11 Xaneiro 2011

Non se pode falar mal da xente porque volta triplicado, dicía a miña avó, pesia que estivera convencida de que cando louvan a alguén coa bendita frase de  »qué boa persoa é fulano» podíase traducir por  «que parvo que é», motivo que lle conducía a pensar. «Se falan mal de nós é porque nos respetan».

Atendendo  estas e outras teimas  decidín facer un curso de  maldade,  e ahí estiven, dende maio, 1000 horas, un master que xa me enviaron, mandeino enmarcar e pendureino da porta da miña casa, para por en claro algunhas cousas. 

Nen fago empréstimos, nen teño sal,  nen escoito problemas alleos agás os dos bós amigos.   Cómo diferencialos? Eu teñoo claro, son os que acoden cando as cousas van mal. 

 E normalmente unha se leva sorpresas.

Comencei a por en funcionamento o que me ensinaron no master, e busquei unha mestra: Unha amiga que decidíu divorciarse cando o seu marido pagou toda a hipoteca, grazas a  herdanza duns miles de euros dun  tío solteiro e sen descendencia e a seren explotado polo multiemprego, quedando ela coa casa, está claro.

Logo decidín intercambiar experiencias cunha colega, para preguntarlle se quería ser a miña gurú, que rompeu o seu matrimonio o mesmo dia que atendeu, por error, unha chamada da  amante, que aproveitou a oportunidade para decirlle que amaba ao seu home.

«Todo teu», lle dixo e fixo sen despeitearse duas malas que lle colocou na porta , onde foi parar ele cando saíu da ducha. «Ahí tes as cousas básicas que precisas e a túa liberdade. Verémonos no avogado, xa te chamará». Unha  artista. Eu seguro que choraría compunxidamente e lle preguntaría cando deixou de quererme en realidade.

Por último, marquei unha importante cita para  tomar café unha tarde calquera cunhas mulleres de sesenta e pico anos, colegas dunha amiga que quero moito para que me deran  un cursiño para traballadores en activo sobre como aprender a oir máis e escoitar menos.

 Son as que emitiron a famosa frase de  «non vo-lo perdades, ésta aínda escoita ao seu marido» cando a miña colega chegou descolocada ao traballo por unha frase desafortunada do seu, que pésia a todo, debo deixar claro que a quere, aínda que non  o saiba demostrar.

Coño! Estame a sair feminista esta entrada do blog.  Cando a maldade, todas o sabemos, moitas veces, desmasiadas, provén normalmente dunha muller cara outra muller.

E como pode ser que sexamos tan malévolas unhas coas outras  e non nos  unamos un pouco máis? Educación, xenética? Sei eu, o meu non é a ciencia. Pretendo que sexan as letras e xa vedes que tampoco son Cervantes.

Enfim….Non sei se conseguirei ser tan malvada coma pretendo aplicando as dúas máximas escritas en letras de molde sobre a cabeceira da miña cama.

1.-Ser egoísta é bó

2.- A caridade ben entendida comenza por unha mesma.

Tentareino. Xa vo-lo  irei contado.

Un dia máis

4 Maio 2010

Paso o día a matinar na Porta do Sol de Vigo, deitada, case diría que tirada nunha silla nunha das cafeterías que alí existen. Fago que leo o xornal e vexo a xente pasar. Agora todos falan da crise, levan meses co tema…Eu, deixádeme que vos diga que estou farta da crise, das solucións que calquera indocumentado propón, da viraxe política que moitos están a ter, da alporización da sociedade viguesa ( xa de por sí alporizada) e un longo etcétera que nunca máis remata. E canto máis paro hai menos vontade teño eu de traballar. Claro que debería decir que no meu traballo non se me valorou nunca. Cousas de xefes machistas decimonónicos. E cando non se te valora, cando es tratada peor ca vasoira da señora da limpeza, ainda que unha non queira, acabas por darlles gusto e ser e facer aquilo que eles queren que sexas: Unha inútil redomada. É a mesma coisa cos adultos que adoitan tratar outros adultos coma nenos, acaban por infantilizalos. É unha norma non escrita. Un sempre acaba por ser como aquilo co consideran, por iso non debe permitir co traten ou o consideren menos do que un (neste caso unha) é, pero quen é capaz de levarlle à contraria a un xefe? Eu nunca fun, tiña demasiado medo a que me despediran, e fun calando e tragando, e sendo aquilo que se esperaba de mín, ate converterme nunha nada con patas.

Xa vos digo, canto menos se espera de mín, menos son. E agora paso o día a matinar dende esta cafetería cando non estou a traballar, vendo pasar a xente e escoitando as conversacións alleas, mentres fago que afundo o nariz no xornal.

Ola Mundo!

Bemvido a blogaliza.org. A tua primeira anotacion. Podela editar, ou borrar. Faino, e comeza a participar no blogomillo!!

Olark Livehelp